O arquitecto francés disporá dun millón de euros e seis meses para adaptar a súa idea inicial
FONTE:“FARO DE VIGO”:http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008073100_2_246757__GRAN-VIGO-Puerto-adjudica-Plan-permitira-ampliacion-reforma-Nouvel
O arquitecto francés disporá dun millón de euros e seis meses para adaptar a súa idea inicial
ALBERTO BRANCO / VIGO
A ampliación do Porto arrinca a tres bandas. O Consello de Administración da Autoridade Portuaria adxudicou onte a redacción do Plan de Usos e o Plan Director de Infraestruturas e contratou cos técnicos do arquitecto Jean Nouvel a adaptación do seu proxecto ás necesidades do espazo portuario. O custo deste último estudo ascende a 1,1 millóns de euros e o seu prazo de elaboración será de seis meses.
O proxecto Nouvel terá que encaixar dentro dos outros dous plans. O prazo de execución de ambos é de 10 meses e o investimento supera os 400.000 euros. A empresa “Petra” será a encargada de redactar os documentos. “Serán a base da ordenación portuaria, polo que o proxecto Nouvel deberá ir encamiñado cara a estes dous”, indicou Jesús Paz.
Respecto ao Plan de Usos, o presidente do Porto explicou que se terán que “retomar os traballos pasados”. Neste sentido recordou que deberán estudarse e contestar as alegacións presentadas e continuar coa tramitación do documento, que incluirá a exposición pública e os estudos ambientais. O Plan Director de Infraestruturas comezará a elaborarse desde cero. “Agora só falta o Plan Especial de Ordenación Portuaria que será o que defina a construción dos elementos arquitectónicos e que será o que pechará o proceso”, resumiu o presidente da Autoridade Portuaria.
“Peirao XXI”
A adaptación do Plan Nouvel definirá a actuación urbanística e arquitectónica en toda a zona central do espazo portuario, desde a prolongación do peirao de cruceiros, ata as instalacións náutico-deportivas, o hotel e as zonas de lecer deseñadas no proxecto “Peirao XXI”. Tras as reunións mantidas entre os técnicos da Autoridade Portuaria e o equipo de Jean Nouvel, este último terá agora medio ano para adecuar a súa formulación inicial valorado en 288 millóns de euros, cun edificio en forma de monólito, un porto deportivo de 1.300 prazas e unha prolongación do peirao de cruceiros ás esixencias e necesidades expostas polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz.
Paralelamente a este anteproxecto o equipo do arquitecto francés deberá realizar un estudo financeiro de viabilidade no que se terán que incluír os cálculos para o investimento do plan unha vez que se redimensione ás pretensións da Autoridade Portuaria.