Contenido Navegación Búsquedas


O maior hospital europeo estará en Vigo

A obra costará 447 millóns de euros e a sua inauguración está prometida pola Xunta para o ano 2013

FONTE: LA VOZ DE GALICIA

O maior hospital de Europa será aínda máis grande do previsto. E estará en Vigo. Anunciárono onte o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Sanidade, María José Louro, que mostraron á sociedade viguesa o proxecto definitivo do novo complexo hospitalario. Era a quinta presentación da obra, pero iso non impediu que houbese novidades importantes.

As máis relevantes teñen que ver coa descrición detallada de todas as áreas que se integrarán nunha obra que permitirá que Vigo dispoña do triplo de espazo para atender urxencias: das estreitezas dos menos de vinte boxes de exploración do actual Xeral pasarase a un servizo de atención de urxencias con heliporto dotado con 16 consultas, 39 cabinas de diagnóstico e 62 camas de observación, que servirán para desterrar de Vigo as escenas de pacientes ingresados nos corredores e salas de esperas .

En similar proporción crecen o resto de dotacións. Así o hospital será de media un 14% máis grande do previsto fai uns meses, tras sumar 63 camas a un complexo con capacidade para hospitalizar a 1.531 pacientes. A superficie construída alcanzará así os 173.600 metros cadrados (21.000 máis dos previstos), aos que se sumarán outros 125.000 metros de aparcadoiros para ambulancias, persoal e usuarios. Deste xeito no hospital máis caro da historia de Galicia (447 millóns¡) haberá 4.300 prazas de estacionamento (2.300 para pacientes e familiares), que pretenden evitar aglomeracións nun complexo hospitalario que atenderá ás 600.000 persoas que residen nos 28 municipios dependentes de Vigo.

A estrea do novo espazo sanitario, previsto para o 2013, propiciará a conversión do Meixoeiro no primeiro hospital español dedicado en exclusiva ao tratamento do cancro. Tamén cambiarán as funcións do Nicolás Pena e o Xeral, que se especializarán para complementar o labor do novo centro. Para que todo iso sexa posible, a Xunta prometeu concluír este ano a expropiación de 250.000 metros de terreo en Beade e a licitación da obra máis ambiciosa da historia sanitaria española.



Comentarios

Opina