Alén das premisas satisfeitas co programa de usos e tendo en conta as condicións de partida, o que se pretende con esta actuación é recuperar/gañar espazo público en Domaio: – Recuperar espazo público interior debido a que actualmente a edificación existente é só aproveitada nun 20%; – Gañar espazo público exterior atendendo ao feito de que o propio recinto do centro cultural é un dos reductos públicos no aglomerado construido.
Para conseguir isto, a idea é crear un pedestal/ tapete que dignifique e poña en valor o edificio orixinal liberando espazo á cota do terreo.
O volume engadido redeseñado adoptará por este motivo aspecto de accidente do relevo, o que axudará a dar unha imaxe de parque/xardín para o lecer.
A paisaxe convírtese así en protagonista á hora de arranxar un reclamo para que o equipamento resulte atractivo.
A acumulación de camadas de historia no edificio reflíctese en diferentes ambiencias no interior e no exterior considerando analoxías a usos pasados e a aptitude de cada espazo. Saliéntanse así por exemplo: – A plataforma de chegada existente é reinterpretada a modo de claustro, o cal contribúe a ilustrar o trasfondo educativo do centro xa que se trata do antigo patio da escola. Este lugar tranquilo para estar que domina a panorámica sobre a Ponte de Rande emerxe desde a rúa coma rótulo do conxunto. – O xardín que engloba a cuberta da sala de actos expreme a vocación lúdica/colectiva do acontecemento cultural e xurde coma transposición do espazo interior que agora se cobre lembrando por medio de socalcos artificias a un auditorio labrado no val que se extende escenograficamente nos peldaños dos percursos. – Etc.